Emblema da Deputación de Lugo
Fondo cabecera In Lugo - Centro de Innovación Social

Actualidade

O Centro de Innovación Social achega as novas tecnoloxías ós rapaces da provincia cunhas xornadas de portas abertas

Trátase da campaña Educ@TIC, que pretende sensibilizar e promover a difusión e emprego das novas tecnoloxías implantadas e futuras así como a actividade do Centro de Innovación Social da Deputación de Lugo (CIS) entre os máis novos

As actividades desenvolveranse o 14 e 15 de decembro de 16:00 a 20:30 horas nas instalacións do CIS, e consistirán en obradoiros de creación audiovisual, realidade aumentada ou imaxes 3D, así como na entrega de agasallos e diplomas

A Deputación de Lugo dá comezo mañá ás xornadas Educ@TIC, campaña totalmente gratuíta que persegue o obxectivo de potenciar as novas tecnoloxías implantadas e futuras entre os máis novos, así como dar difusión ás actividades desenvolvidas neste eido polo propio Centro de Innovación Social (CIS) posto en marcha pola Deputación de Lugo. Deste xeito, Educ@TIC persegue sensibilizar á mocidade lucense con respecto ás TIC mediante a experimentación directa coas mesmas, a través das actividades en grupo que se desenvolverán ó longo destes dous días.

As xornadas están dirixidas a nenos de 10 a 14 anos, xa que este é un tramo de idade moi sensible a captar os coñecementos adquiridos para incorporalos dun xeito natural ás súas aptitudes de cara ó futuro. Desenvolveranse os días 14 e 15 de decembro, en horario de 16:00 a 20:30 horas, e terán como escenarios as aulas do CIS ¿rúa Frei Plácido Rei Lemos, s/n-; unha carpa que quedará instalada na terraza superior do edificio e os xardíns que rodean a sede do Centro.

Actividades variadas e gratuítas

Para participar no Educ@TIC, só hai que achegarse ata as instalacións do Centro de Innovación Social da Deputación de Lugo, xa que a entrada é totalmente gratuíta e nin sequera é necesario inscribirse. As portas están abertas a todos os rapaces que queiran tomar parte nas actividades. Todos eles recibirán á entrada un folleto con información acerca das actividades das que poderán disfrutar no orde que eles prefiran. Neste mesmo folleto aparecerá un código Bidi -aplicación que permite acceder a contidos de todo tipo tan só con enfocar coa cámara de fotos dos móbiles de última xeración un pequeno sistema de puntos-, que posteriormente lles permitirá conseguir diferentes obsequios. As actividades programadas son as seguintes:

- Audiovisual: os rapaces poderán optar entre gravar unha secuencia televisiva ou un programa de radio. Os nenos serán os protagonistas en ambos casos e os técnicos e monitores iranlles explicando en que consisten os avances tecnolóxicos na área audiovisual.

- Emisión de reportaxes: trátase dun ciclo de reportaxes sobre os avances das novas tecnoloxías. Ó finalizar a emisión, os nenos asistentes poderán recibir premios coma lápices de memoria, camisetas, etc., empregando o código Bidi facilitado á entrada.

- Realidade aumentada: consiste nunha exposición didáctica sobre a realidade aumentada- combinación de imaxes reais e virtuais en tempo real-, na que haberá una demostración da mesma. Os nenos terán á súa disposición ordenadores portátiles cunha aplicación instalada coa que comprobarán o funcionamento desta realidade aumentada.

- Imaxes 3D: haberá carteles ilustrativos e demostracións en vivo. Para poder ver estas imaxes tridimensionais, os rapaces serán os encargados de confeccionar as súas propias gafas 3D.

Ó longo de toda a xornada e en cada unha destas actividades, os nenos participantes conseguirán unhas tarxetas de diferentes cores. Unha vez reunidas, recibirán como obsequio un pequena merenda coma despedida do día. Igualmente, ó peche da xornada, os rapaces obterán un diploma acreditativo de participación e aproveitamento das actividades.

Información sobre el documento

IN LUGO - Centro de Innovación Social
C/ Frei Plácido Rei Lemos 2ª planta s/n – 27004 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 225 186 | Fax: 982 246 288
E-mail: inlugo@deputacionlugo.org