Emblema de la Diputación de Lugo
Fondo cabecera In Lugo - Centro de Innovación Social

Actualidad

30 desempregados melloran as súas posibilidades de inserción laboral grazas a un curso de redes sociais iniciado hoxe no In Lugo

O seminario Internet, o noso mellor aliado na busca de emprego desenvolverase nas instalacións do Centro de Innovación Social ata este venres, en horario de 10:00 a 14:00

O In Lugo impartirá tódolos venres entre entre o 27 de xaneiro e o 24 de febreiro, de 16:00 a 20:00 horas, o curso Community Management para PEMES, dirixido a mellorala competitividade das pequenas e medianas empresas

30 desempregados melloran as súas posibilidades de inserción laboral grazas a un curso de redes sociais iniciado hoxe no In Lugo

Trinta desempregados da provincia iniciaron este luns o curso do Centro de Innovación Social In Lugo sobre técnicas de busca de emprego a través das redes sociais, grazas ó que mellorarán as posibilidades de inserción laboral aproveitando as novas tecnoloxías. As clases desenvolveranse ó longo desta semana, ata o venres día 20, en horario de 10:00 a 14:00 horas. Con esta acción formativa arranca a nova andaina do In Lugo, que tamén programou outro curso sobre redes sociais, neste caso dirixido a mellorala competitividade das pequenas e medianas empresas. Baixo ó título Community Management para PEMES, terá lugar tódolos venres entre o 27 de xaneiro e o 24 de febreiro, de 16:00 a 20:00 horas.

A boa acollida de ambos seminarios foi tal que as prazas dispoñibles inicialmente esgotáronse en dous días dende a apertura do prazo de inscrición. A avalancha de solicitudes levou de feito á Deputación a aumentar a súa capacidade, de maneira que participarán finalmente 60 persoas, 30 en cada un dos cursos.

No que arrancou hoxe, denominado Internet, o noso mellor aliado na busca de emprego, mostrarase como os blogs e as redes sociais son moito máis que sitios nos que conversar con amigos e familiares, ou publicar fotos ou vídeos, se non que son tamén un punto de encontro entre profesionais e os mellores aliados á hora de encontrar emprego. Segundo a maior parte dos estudos, máis do 70% dos empregos atópanse no círculo de coñecidos, e hoxe, coas novas tecnoloxías, este círculo multiplícase por miles coas redes sociais. Un exemplo desas amplas posibilidades é Linkedin, a rede profesional máis grande do mundo, que conta hoxe con 42 millóns de usuarios de máis de 200 países e de 170 sectores. Empresas como Telefónica, Banco Santander, IBM España ou Indra forman parte deste espazo e buscan nel novos profesionais. De feito, segundo unha enquisa realizada a directores españois de Recursos Humanos, o 64% destes profesionais consultan o perfil dos candidatos nas redes sociais antes das entrevistas laborais, e un 30% descartan a aquelas persoas que non teñen presenza neste tipo de redes ou cun perfil pobre nelas.

Nas xornadas formativas sobre a busca de emprego en Internet os participantes coñecerán como definir a súa propia estratexia dixital e o seu potencial profesional, analizar o mercado laboral na rede ou utilizar as ferramentas dispoñibles para atopar traballo, entre outros aspectos. Ademais da parte teórica, haberá unha práctica na que os asistentes farán unha busca real de emprego e fixarán unha estratexia de promoción persoal en Internet.

Polo que respecta ó segundo seminario, Community Management para PEMES, tamén con 30 participantes, terá lugar todos os venres entre o 27 de xaneiro e o 24 de febreiro, de 16:00 a 20:00 horas, tamén no Centro de Innovación Social. Serán cinco sesións totalmente prácticas nas que se mostrará ás pequenas e medianas empresas como obter unha correcta presenza en Internet, pois isto non só amplía e mellora a comunicación cos clientes dun xeito máis directo, senón que tamén redunda no incremento dos seus beneficios. Os blogs e as redes sociais constitúen a ferramenta perfecta para acometer accións sólidas e sostibles que fidelicen ós clientes, como pon de manifesto a compañía multinacional de novas tecnoloxías DELL, cuxa irrupción en Twitter no 2009 fixo que lograrse 3 millóns de dólares en vendas directas a través deste servizo e dende entón continúa aumentando as súas cifras de venda por medio da mesma canle.

A programación do curso inclúe a creación dun blog, o manexo das redes sociais, as técnicas e os medios tecnolóxicos a empregar para conectar co público ou a preparación dunha campaña on line.

A cargo da Fundación TIC

O primeiro centro de innovación social en Galicia, In Lugo, foi creado en marzo de 2011 pola Deputación cun financiamento do 88,9% do Ministerio de Industria a través do Plan Avanza co fin de promover actuacións e servizos baseados nas novas tecnoloxías encamiñados a mellorar a calidade de vida dos veciños da provincia e dinamizar o tecido económico. Neste 2012 inicia unha nova andaina, na que, de ser xestionado directamente dende a Deputación, pasa a depender da Fundación TIC co fin de aforrar recursos e crear sinerxias. Contará cun orzamento global de 1,6 millóns de euros procedentes do Innova-TE2, o ambicioso programa tecnolóxico do organismo provincial que, dotado con 15 millóns de euros, está financiado ó 70% pola Unión Europea.

O In Lugo atópase na segunda planta da Escola de Imaxe e Son (EIS) da Fundación TIC, a localización máis axeitada, en tanto que se trata dun proxecto estreitamente vinculado coas novas tecnoloxías e a innovación, ó igual que o é a EIS, o único centro da provincia que imparte titulacións da rama audiovisual. Esta vinculación, tanto física, como de obxectivos, fai que o máis operativo sexa que a TIC pase a ocuparse da xestión do In Lugo, pois mellorará a súa eficiencia e aproveitaranse sinerxias.

Boa acollida

Máis de 1.300 persoas participaron de xeito gratuíto nas novidosas accións formativas sobre novas tecnoloxías organizadas polo CIS o pasado ano, o que pon de manifesto a boa acollida e o éxito da iniciativa. Nas propias instalacións do centro leváronse a cabo 100 actividades, das que se beneficiaron 1.000 persoas. Houbo participantes de entre os 6 ata os máis de 65 anos, membros de diferentes colectivos, como a Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo, a Asociación de Empresarias de Lugo, a Asociación de Enfermos de Alzheimer (AFALU) ou Proxecto Home, así como profesionais de sectores como o da agricultura ou a gandería, e mesmo autónomos. Ademais, atendendo á demanda dos propios veciños, descentralizouse a programación levando xornadas formativas ós Concellos, que contaron con 105 asistentes. Tamén se desenvolveron 40 cursos on line, nos que participaron 200 persoas, co obxectivo de garantir o acceso á oferta formativa a tódolos cidadáns.

Información sobre el documento

IN LUGO - Centro de Innovación Social
C/ Frei Plácido Rei Lemos 2ª planta s/n – 27004 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 225 186 | Fax: 982 246 288
E-mail: inlugo@deputacionlugo.org