Emblema da Deputación de Lugo
Fondo cabecera In Lugo - Centro de Innovación Social

Actualidade

Comeza este venres o curso do In Lugo para impulsar ós autónomos e PEMES da provincia coas Redes Sociais

Trátase de Community Management, un seminario que amosará como gañar presenza en Internet para mellorar a comunicación cos clientes e incrementar beneficios

Un exemplo dos beneficios que supoñen as Redes Sociais é DELL que logrou 3 millóns de dólares en vendas directas mediante esta canle logo de situarse en Twitter

A boa acollida desta acción formativa foi tal que a Deputación incrementou o número de prazas ata as 30 logo de que os demandantes duplicasen a oferta inicial

30 lucenses, na súa maioría autónomos, pequenos e medianos empresarios da provincia, participarán no curso Community Management, que arranca este venres no 1º Centro de Innovación Social de Galicia, o In Lugo da Deputación. O éxito desta innovadora iniciativa foi tal que os seus demandantes duplicaron a oferta de 25 prazas iniciais. Isto supuxo o incremento das localidades co obxectivo de beneficiar ó maior número posible de empresarios pero mantendo a formación personalizada que ofrece esta acción formativa. As inscricións realizáronse por rigoroso orde de solicitude.

Precisamente, a boa acollida desta nova convocatoria súmase á acadada a semana pasada co curso Internet, o noso mellor aliado na busca de emprego, no que 30 desempregados coñeceron as numerosas posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxía á hora de atopar traballo.

Deste xeito, o seminario Community Management PEMES arranca este 27 de xaneiro e continuará todos os venres ata o 24 de febreiro, de 16:00 horas ás 20:00 horas. Serán cinco sesións totalmente gratuítas e prácticas nas que se mostrará como obter unha correcta presenza en Internet para, non só ampliar e mellorar a comunicación cos clientes dun xeito máis directo, senón tamén incrementar os beneficios dos negocios.

E é que os blogs e as redes sociais constitúen a ferramenta perfecta para acometer accións sólidas e sostibles que fidelicen ós clientes como pon de manifesto a compañía multinacional de novas tecnoloxías DELL, cuxa irrupción en Twitter no 2009 fixo que lograrse 3 millóns de dólares en vendas directas a través desta canle. Dende entón, esta entidade continúa aumentando as súas cifras de venda a través do mesmo servizo.

Deste xeito, a programación do curso inclúe a creación dun blog, o manexo das redes sociais, as técnicas e os medios tecnolóxicos a empregar para conectar co público ou mesmo a preparación dunha campaña on line.

A cargo da Fundación TIC

O primeiro centro de innovación social en Galicia, In Lugo, foi creado en marzo de 2011 pola Deputación cun financiamento do 88,9% do Ministerio de Industria a través do Plan Avanza co fin de promover actuacións e servizos baseados nas novas tecnoloxías, encamiñados a mellorar a calidade de vida dos veciños da provincia e dinamizar o tecido económico. Neste 2012 inicia unha nova andaina na que, de ser xestionado directamente dende a Deputación, pasa a depender da Fundación TIC co fin de aforrar recursos e crear sinerxias. Contará cun orzamento global de 1,6 millóns de euros procedentes do Innova-TE2, o ambicioso programa tecnolóxico do organismo provincial que, dotado con 15 millóns de euros, está financiado ó 70% pola Unión Europea.

O In Lugo atópase na segunda planta da Escola de Imaxe e Son (EIS) da Fundación TIC, a localización máis axeitada, en tanto que se trata dun proxecto estreitamente vinculado coas novas tecnoloxías e a innovación, ó igual que o é a EIS, o único centro da provincia que imparte titulacións da rama audiovisual. Esta vinculación, tanto física, como de obxectivos, fai que o máis operativo sexa que a TIC pase a ocuparse da xestión do In Lugo, pois mellorará a súa eficiencia e aproveitaranse sinerxias.

Información sobre el documento

IN LUGO - Centro de Innovación Social
C/ Frei Plácido Rei Lemos 2ª planta s/n – 27004 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 225 186 | Fax: 982 246 288
E-mail: inlugo@deputacionlugo.org